A incerteza mantívose ata última hora, pero finalmente
Cabo de Cruz recibiu a boa noticia que esperaba: o seu porto dará
cabida á duodécima edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de
Galicia, que se celebrará o próximo verán. Os responsables desta
iniciativa agradeceron onte o apoio recibido por parte de todas as
entidades da localidade e do propio Concello: «Isto é case un proxecto
de todo ou pobo».
A candidatura crucense, encabezada pola
asociación A Gamela, tiña en Combarro a un duro rival. Durante varias
horas, os integrantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e
Fluvial escoitaron os argumentos a favor dunha e outra localidade como
sede do encontro e finalmente resultou elixido Cabo de Cruz cun
resultado de 16 a 6 na votación.
Agora, á asociación A Gamela tocaralle pórse ao
choio para organizar un evento que atraerá ata o municipio a decenas de
embarcacións tradicionais procedentes de distintos lugares de España e
de Europa. Aínda que non é seguro ao 100%, o máis probable é que o
encontro se celebre na segunda semana do mes de xullo. Así mesmo, o
presidente de Agalcari, que colabora coa candidatura presentada pola
Gamela, explicou que se fará coincidir esta cita cunha nova edición das
xornadas de construción naval en madeira.