ENCONTRO EN CABO DE CRUZ

«O encontro vén a reivindicar a conciencia de pobo de Cabo de Cruz»

 Falta un ano, pero a maquinaria da actividade xa está en funcionamento

No verán do 2015, concretamente na segunda quincena de xullo, Cabo de Cruz vaise converter nun fervedoiro de xente, ou iso é cando menos o que esperan os organizadores do Encontro de Embarcacións Tradicionais da localidade boirense. Aínda faltan moitos meses, pero a maquinaria xa está engraxándose para comezar a funcionar. Gerardo Triñanes, cabeza visible da loita pola pervivencia da carpintaría de ribeira, é o presidente do comité que ten a «enorme responsabilidade» de que todo vaia vento en popa.
-Comecemos polo principio, ¿como xurdiu a idea de presentar a candidatura de Cabo de Cruz para acoller o próximo encontro?
-Os encontros son basicamente unha festa, unha manifestación cultural coa que se pretende poñer en valor o patrimonio marítimo a través das embarcacións tradicionais. En toda Galicia hai máis de trinta tipoloxías destas embarcacións. Cabo de Cruz ten unha exclusiva, que é propia desta zona e está catalogada, é a gamela de Cabo de Cruz. E un grupo de xente tivo a idea de poñerse en contacto coa asociación Gamela para presentar a candidatura.
-Falta máis dun ano para a cita coas embarcacións tradicionais, ¿que percorrido lle queda por diante á organización?
-Está aínda moi verde. Constituímos o comité organizador, do que forman parte o alcalde Boiro, Juan José Dieste, e Manolo Sendón, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima, como vicepresidentes; Pepe Sieira é o secretario; José Mariño, o tesoureiro, e hai varios vocais. Pretendemos funcionar formando comisións para cada un dos aspectos do encontro. A mediados de xuño queremos facer unha asemblea con todo o pobo para ver que imos facer. E estamos tendo reunións cos distintos organismos oficiais para conseguir o seu apoio.
-Había dúas candidaturas para organizar estas xornadas, a outra era Combarro, ¿que cre que foi o que pesou para que fose Cabo o porto elixido?
-Creo que foron dous factores: o entorno, o escenario natural de Cabo de Cruz, que é fantástico e un gran descoñecido; e, sobre todo, o enorme apoio de todos os colectivos e do propio Concello, que xa comprometeu unha axuda económica.
-Cabo de Cruz foi sempre unha localidade moi activa pero ultimamente parecía un pouco parada, ¿cre que ese apoio ao encontro é unha nova mostra do dinamismo das entidades de Cabo de Cruz?
-Xa non é só aquí, a sociedade en xeral está aletargada, eu non sei se é pola crise ou por que, pero non hai movemento social, non hai organizacións civís. Si creo que este encontro vén un pouco a reivindicar a conciencia de pobo de Cabo de Cruz, e que mellor maneira de facelo que con algo que mira directamente ao noso mar.
-¿Iso mete presión?
-É unha responsabilidade enorme. En vista de todo o apoio que temos, se o facemos mal vai ser para tirarse dos pelos. Practicamente todas as entidades da parroquia, desde A Unión e a asociación de veciños A Marxa ata o Náutico, a confraría, os clubs deportivos e as agrupacións de mexilloeiros colaboran con nós. Tamén moitos colectivos de Boiro, como a ABE, asociacións culturais e Mar de Noia participarán no encontro. Esperamos contar co patrocinio das empresas punteiras de Boiro.
-Polo que se ve non queda ninguén fóra.
-Necesitamos toda a colaboración posible. Temos que traballar moi duro estes meses para botar a andar as comisións e ir atraendo a xente que queira botar unha man. De feito, facemos unha petición a todo aquel que teña algunha proposta, para que nola faga chegar. Por exemplo, neses días queremos engalanar todo Boiro con motivos mariñeiros, e para iso precisamos a colaboración de todo o mundo.
-¿Que beneficios pode reportar a Cabo de Cruz, e a Boiro, a celebración desde encontro?
-Vai ser fantástico para o pobo. Serán catro xornadas con actividades todo o día, espectáculos, rutas de navegación pola ría, obradoiros, charlas, proxeccións audiovisuais, exposicións, certames de poesía, teatro, bautismos de mar en embarcacións tradicionais... O potencial turístico e dinamizador é enorme. Estes encontros xeran moita expectación en moitos países, e aínda que Galicia non ten grandes veleiros, si se están recuperando e esperamos reunir uns 150 barcos galegos. Isto ten unha proxección internacional e estamos negociando para que veñan embarcacións de Irlanda, Portugal, Escocia... Calculamos que durante os catro días veñan a Cabo de Cruz máis de 30.000 persoas. De feito, coido que sobrepasaremos esa cifra. Van ser catro días moi intensos que esperamos que sexan lembrados polo pobo e que o queiran repetir.
-Pois si que lles queda traballo por diante...
-Teremos axuda. Pablo Carrera, ex irector do Museo do Mar de Galicia, xa ten unha gran experiencia e vainos coordinar, e contamos tamén co asesoramento cultural de Francisco Fernández Naval, Chisco.
Gerardo Triñanes Presidente do comité do encontro de embarcacións tradicionais




«Sería un erro histórico deixar que a carpintaría de ribeira se extinguira»

1 votos
Ademais de encabezar o comité organizador do encontro, Gerardo Triñanes é o presidente de Agalcari e pouco menos que unha institución á hora de falar das embarcacións tradicionais e da carpintaría de ribeira, un oficio que, defende, ten que mirar cara o futuro. Diso tamén se falará no marco da cita que terá lugar en Cabo de Cruz en xullo do ano próximo.
-Cada encontro de embarcacións tradicionais ten unha temática concreta, ¿cal é a que propoñen vostedes?
-Neste caso un dos eixos será a arqueoloxía, a través do castro do Achadizo, que está no mesmo porto de Cabo. Queremos dar a coñecer os nexos de unión dos habitantes dese asentamento co mar. Outro dos eixos será o de documentar e recuperar unha embarcación tradicional, o sancosmeiro, que era propio da zona de Noia. Desapareceu, non queda ningún exemplo, e trátase de que non se perda ese saber facer dos carpinteiros de ribeira; é moi importante conservar as técnicas construtivas. Outro dos obxectivos dos encontros é devolver a conciencia ecolóxica para fomentar a construción nun material natural como é a madeira, que ademais a temos aquí, en Galicia, e que coas novas técnicas para o seu mantemento ten grandes vantaxes. Non se trata só de dar a coñecer a historia deste oficio senón tamén a posibilidade de proxectalo no futuro cun pleno sentido produtivo.
-No marco da ampla programación desde evento tamén terán cabida as xornadas de construción naval en madeira, ¿que tema tratarán?
-Seguiremos insistindo no mesmo, que non morra a actividade. O positivo é que imos poder traer xente doutros países para que nos conten a súa experiencia na construción e tamén na formación regrada do oficio.
-¿Noutros países estúdase para ser carpinteiro de ribeira?
-Si, hai escolas para a formación de carpinteiros de ribeira; aquí é ao revés, o oficio está desaparecendo. É un patrimonio da sociedade, esta profesión non se debería extinguir, sería un erro histórico. Esta corrente de poñer en valor as embarcacións tradicionais chegou a Galicia un pouco tarde con respecto a outros países europeos. Non sei por que, paradoxicamente vivimos de costas ao mar. Por iso queremos potenciar ese patrimonio material e inmaterial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario